Páginas

21 mar 2014

Chegou a hora dos seareiros




A actual situación de Club Deportivo Ourense é moi preocupante. Durante os últimos anos a supervivencia do club está no aleiro. Tempada tras tempada as descomunais débedas acumuladas (das que por certo ninguén respondeu por elas) deixan ao bordo da desaparición ao club. Finalmente sempre se conseguiu saír adiante, ben impulsado pola man salvadora das institucións (sobre todo cando ao fronte do club estaba algún “amigo” das mesmas) ou ben pola tolería de afeccionados de verdade como Manolo Rois e os seus colaboradores ou como os actuais integrantes do Consello de Administración. 

Sen embargo nesta ocasión a supervivencia do club está máis complicada que nunca. As institucións xa non apoian coma antes, penso que o que pasaba anteriormente tampouco era normal e os clubs teñen que ter a súa maior fonte de financiamento nos seus propios recursos. Pero o máis preocupante non é iso, senón a falla total de interese por parte dos máximos accionistas de C.D.Ourense.


Deles non se sabe nada. Nunca ouvín, lin ou vin algunha declaración dos mesmos. Nas asembleas de accionistas nunca aparecen, delegan o seu voto, ou xa nin iso, como ocurreu na última, onde se tivo que suspender para o día seguinte ao non haber o suficiente quórum.

A miña impresión é que pasan absolutamente do club, limitándose a esperar acontecementos. Eles deixan que colla o club o que estea interesado, como aconteceu nesta última ocasión con Alejandro Estévez e o seu equipo, e a ver que pasa. Si o club vai ben e, por un casual, consigue o ascenso, fenomenal, xa están eles aí para volver a facerse cargo del no caso de que sexa rendible. Se todo vai mal pois péchase o chiringuito e adeus moi boas, os responsables serán os aventureiros que se arriscaron a salvar o club e que, por riba, serán os culpables, salvándose eles de mancharse as mans coa desaparición do club.

Mentres estes personaxes, que aínda non sabemos moi ben quen son e porqué se fixeron co club, sigan sendo os donos o futuro é negro. Si tiveran un mínimo de dignidade e realmente quixeran a Club Deportivo Ourense deberían desfacerse das accións do club. Unhas accións que deberían retornar aos verdadeiros donos do club: os socios e seareiros.

Pero para chegar a este punto os afeccionados deberíamos de facer algo. Os seguidores de Club Deportivo Ourense fomos e somos totalmente pasivos. É o momento de espertar e de loitar polo futuro do noso club se realmente queremos manter con vida máis de 60 anos de historia, con fazañas épicas como a dos 30 partidos – 30 vitorias da liga 67-68.

Se de verdade queremos que o club siga vivindo chegou o momento de mobilizarse e facerse ouvir, ese será o único xeito de cambiar o destino do noso club. Seguir o exemplo de afeccións como a do Oviedo ou Rácing de Santander, que conseguiron botar do seu club as persoas que os estaban afundindo.

Pero iso non será posible de xeito individual. Un por un non somos ninguén. Sen embargo todos xuntos e unidos podemos inverter o rumbo de C.D.Ourense cara os acantilados, e evitar, deste xeito, o seu naufraxio. Hoxe máis que nunca cómpre que xurda unha asociación de seareiros e pequenos accionistas de C.D.Ourense que acade o maior número de integrantes posibles para plantarlle cara aos máximos accionistas e conseguir que o club volte as mans das que nunca debeu saír: dos seus seareiros.

As peñas, como colectivos organizados que son, deberían de tomar a iniciativa para constituír unha asociación de seareiros e pequenos accionistas que loiten polos seus dereitos e por Club Deportivo Ourense. Doutro xeito o futuro do noso club corre serio perigo.

1 comentario:

  1. Cando hai que mercar accions onde estan os afeccionados de verdade ,nada que veña un inversor de fora e que pague e logo a exisirlles amor a unas cores que nunca sentiron. cada clube ten o que se merece a sua afeccion, se non se pode estar en 2ª B pois a competir en terceira ou en preferente en donde cheguen os recursos sen endevedarse ,mellor esto que desaparecer

    ResponderEliminar