Páginas

25 feb 2014

Marcial Feijoo, o home que se negou a xogar contra C.D.Ourense



Nos máis de 60 anos de historia de Club Deportivo Ourense foron moitos os xogadores que pasaron polo vestiario local. A maioría deles homes comprometidos coa causa vermella e que deixaron, dalgún xeito, a súa pegada na historia do equipo ourensán. De entre todos eles merece un recoñecemento especial Marcial Feijoo, o home que se negou a xogar contra C.D.Ourense no Couto.

Marcial Feijoo foi un dos integrantes do primeiro cadro de xogadores de C.D.Ourense trala fundación do club en setembro de 1952. Marcial era un xogador ourensán que militara na Unión Deportiva Orensana dende 1944, cando debutara con 18 anos, ata a súa desaparición no verán de 1952. Desenvolvíase no posto de interior e estaba chamado a ser unha das figuras do novo club dada a súa experiencia.

Como se esperaba foi un dos máis destacados do equipo en este primeiro ano de historia do club. A pesar diso C.D.Ourense só puido ser terceiro na Serie A (aínda que empatado a puntos con Turista e Casablanca), polo que non se conseguía o ascenso á 3ª división, obxectivo do club. 

Foi entón cando o Turista, club que sí acadara o ascenso á terceira, se puxo en contacto con Marcial para que xogara en terras viguesas na seguinte tempada. O xogador aceptou a proposta visto que de quedarse en Ourense tería que volver a xogar na Serie A.

Nembargantes en setembro (a dous días do inicio da liga) os vermellos son ascendidos nos despachos debido a unha serie de renuncias e cambios de grupo de varios equipos que deixan unha vacante no grupo primeiro da 3ª división. A praza foille ofrecida ao Ourense, que a acepta de inmediato. Componse un equipo a toda presa que se despraza a xogar a Santiago onde foron goleados por 4-1. 
Marcial paseando a Toniño no Couto

 O Ourense pásao mal na recén estreada categoría, ocupando os últimos postos da clasificación. Todo o contrario que lle ocorre a Marcial, que co Turista loita polos postos altos da clasificación. E así chega o momento que Marcial Feijoo quería evitar a toda costa: xogar contra o Ourense no Couto. O partido era o último da primeira volta e o Ourense era o pechacancelas do grupo, necesitaba a vitoria máis que nunca.

Marcial, ourensanista de corazón, decide non xogar no Couto. Non podía enfrontarse ao equipo dos seus amores e máis no que fora o seu estadio durante tantos anos. “Lo siento, yo contra el Orense y en el Couto no juego”, así llo comunicou ao Turista, co conseguinte desgusto do club vigués. O caso é que Marcial non xogou e o Ourense gañou por 3-2, iniciando unha escalada que o levaría a salvar a categoría. 

Co Ourense en 3ª división Marcial volta para o seu club da alma na tempada seguinte. Permaneceu no club as tempadas 54-55 e 55-56, sendo unha peza clave no engrenaxe do equipo, titular indiscutible. Decidiu deixar o club e o fútbol ao remate da tempada 55-56. Varios son os factores que influíron na súa decisión. Dunha parte o seu enfrontamento co adestrador Cuqui Bienzobas, quen o fixo xogar como dianteiro centro no partido definitivo da fase de ascenso ante o Sestao. O Ourense gañara na ida por 2-1 no Couto pero en Lasesarre, estaba en obras o campo das Llanas, foron superados por un contundente 3-0.

A decisión de Bienzobas de colocar a Marcial de dianteiro cando perdían 2-0 desgustou ao xogador que anunciou a súa marcha do club. Tamén influíu que ese verán se fixo cargo da armería que rexentaba o seu pai na rúa Progreso.

Deixaba así o equipo o home máis carismático para a afección polo seu carácter loitador, aguerrido e xovial. Aquel a quen Toniño, un pintoresco personaxe do Ourense dos 50, arengaba no Couto ao berro de “Halaaaaaaa, chuta Marcial, chulo-valiente”. 

Fontes: 

“Club Deportivo Orense: 1952-1977” de José Manuel Fernández Sobrino

No hay comentarios:

Publicar un comentario