Páginas

4 feb 2014

Os grandes traspasos da historia de C.D.Ourense



Manolo Tomé


A pasada semana concretouse a fichaxe do ouresanista Pinillos polo Córdoba. Últimamente parece que os xogadores de Club Deportivo Ourense son pezas codiciadas por clubes de superior categoría. Porque se agora o que se foi deixando cartos nas arcas do Ourense foi Pinillos a tempada pasada ocurriu outro tanto co dianteiro Jona, fichado polo Granada e que esta tempada xoga cedido no Real Xaén.
A pesares destes dous últimos exemplos non é demasiado habitual que Club Deportivo Ourense traspase xogadores, aínda que ao longo dos máis de 60 anos de historia dos vermellos si que houbo traspasos sonados. Aquí deixou cinco casos que considero realmente salientables.

1.- Manolo Tomé ao Fútbol Club Barcelona. Ao comezo da tempada 1973-74 o equipo catalán pon os seus ollos no centrocampista nado en Moaña. Tomé fora unha das pezas máis destacadas na gran campaña 1972-73 na que os vermellos acadaron o ascenso a 2ª división e protagonizaron unha grande campaña copeira, coa histórica eliminatoria ante a Real Sociedade de San Sebastián. Finalmente o prezo marcado é de 9 millóns de pesetas, 6 en metálico e os outros 3 garantidos cun partido no Couto fronte ao primeiro equipo do Barcelona co recén chegado Cruyff ao fronte. Ademáis os culés ceden a dous xogadores a escoller entre Olmo, Teixidó e Pousada. Os vermellos elixen a Teixidó e Pousada, desbotando a Olmo que chegaría a ser internacional. Tomé xogaría catro tempadas no Nou Camp, pasando despois ao Salamanca onde xogou outras 5 tempadas en 1ª división.


2.- Carlos Couceiro “Pataco” ao Atlético de Madrid. O xogador ourensán foi un dos membros máis destacados do mítico equipo da tempada 1967-68, o das 30 victorias noutros tantos partidos de liga. A súa calidade deseguida chamou a atención dos cazatalentos e ao final da tempada 1968-69, despois de deixar ao Ourense en 2ª división, fichou polo Atlético de Madrid a cambio de 4 millóns de pesetas. Pataco non tivo sorte lesionándose aos poucos días de chegar ao equipo colchoneiro. Pasou por diferentes cesións sin chegar a triunfar no Atlético de Madrid, voltando ao Ourense na tempada 1974-75, tempada na que se descendeu a 3ª división.

3.- Cesáreo Rivera ao Sevilla. O xogador do Carballiño fora peza clave no ascenso dos vermellos á 2ª división, o primeiro da historia, na tempada 1958-59. O interior carballiñes realizou unha impresionante tempada chegando a ser convocado  polo seleccionador español, Helenio Herrera, xogando co combinado B un partido internacional fronte a Italia en Palermo. Era un xogador moi cotizado e de todas as ofertas que chegaron a Ourense aceptouse a do Sevilla, que pagou 1,9 millóns de pesetas por Riverita. En 1965 fichou polo Celta onde rematou a súa carreira deportiva na élite en 1972.

4.- Vicente ao Celta. Na triste tempada 1979-80 o único salientable foi a eclosión de Vicente Álvarez Núñez. O club agonizaba no económico baixo a presidencia de Juan Ribao, e deportivamente esa tempada consumouse o descenso á 3ª división. Nesta nefasta tempada xurdiu do filial Vicente, un xove líbero que deseguido chamou a atención do Celta de Vigo, nesa tempada en 2ª división, a pesares da lamentable tempada vermella. Nesa campaña era obrigado alinear a dous xogadores sub 20 e o Celta, que sufriu a baixa do defensa Lemos, levouse a Vicente a metade de tempada por 400.000 pesetas ata final da tempada. Despois pagarían dous millóns se seguían interesados no xogador. E seguiron interesados nel levandoo para Vigo pero sen pagar o prometido. Acolleronse a unha norma federativa que lles permitia levar ao xogador pagando 750.000 pesetas por dereitos de formación. Co tempo a operación saiulle redonda convertíndose Vicente no gran capitán celtiña da primeira metade dos 90.

5.- Pachín, Blanch, Pablo, Antonio Dacosta, Fuertes e Teixidó ao Burgos. Verán de 1977. Club Deportivo Ourense estaba presidido por Antonio Docabo. Un presidente que entrou con gran forza e ambición e que deixou ao equipo na recén creada 2ª B e sumido nunha gran crise económica.  Docabo quería marchar, pero quería recuperar os cartos que lle prestara ao club, alomenos unha parte deles. A débeda de Club Deportivo Ourense con Docabo era de uns 51,5 millóns de pesetas. Para cobrar parte deses cartos Docabo vendeulle ao Burgos de 1ª división, club presidido por outro “persoaxe” chamado Quintano Vadillo, aos seis xogadores mencionados por uns 30 millóns de pesetas. 

Fuente: Club Deportivo Ourense 1952-1977 e Club Deportivo Ourense otros 25 años hasta el cincuentenario (1977-2002) de José Manuel Fernández Sobrino

No hay comentarios:

Publicar un comentario