Páginas

18 feb 2014

Goleadas no Couto


O equipo da tempada 58-59 non se cansaba de golear


A goleada que C.D.Ourense lle endosou ao C.D.Alcalá o mércores pasado no partido de volta dos cuartos de final da Copa Federación non é, nin moito menos, unha das máis grandes que disfrutou O Couto. O 6-1 quédase curto ante outras malleiras que C.D.Ourense lle endosou a outros visitantes do noso estadio. Nin tan siquera consigue entrar entre as 20 primeiras. Repasemos as cinco maiores, para non estendernos demasiado.

1ª.- CDOU, 12 – Xuvenil de Ponteareas, 0 (tempada 58-59)

A maior goleada tivo lugar o 05-10-1958, na terceira xornada de liga dunha 3ª división integrada por 16 clubes, todos galegos. Os vermellos ansiaban o ascenso a 2ª división, sendo uns dos máximos favoritos ao título. Sen embargo as cousas non comezaron ben, sendo derrotados na segunda xornada en Ordes por 2-1. A afición non recibiu demasiado ben aos xogadores locais e estos reaccionaron facéndolle pagar os pratos rotos ao Xuvenil de Ponteareas, equipo que xa ocupaba o derradeiro posto da táboa e que non abandonaría ata o final da liga. 

O primeiro tempo xa rematou con 7-0, nun partido que foi totalmente dominado polos locais, que buscaron con esta goleada recuperar a confianza dos siareiros e a súa mesma. A verdade é que así foi e o equipo proclamouse campión de liga e logrou o ascenso á 2ª división por primeira vez na historia. Os vermellos conqueriron esta tempada 109 goles en 30 partidos.

Os goleadores foron: Ferradás (3), José Luís (3), Gonzalo (2), Malet (2) e Rivera (2).


2ª.- CDOU, 11 – Coruxo, 1 (tempada 66-67)

A segunda maior tunda sufriuna o Coruxo o 13 de novembro de 1966, na novena xornada de liga de 3ª división. Os vermellos ían líderes, mentras que os vigueses transitaban pola zona morna da táboa. Esperábase unha victoria local pero non unha goleada deste tipo, e máis cando se adiantaban os verdes ao cuarto de hora. Reacción inmediata do Ourense que en dez minutos lle deu  a volta ao marcador, rematando a primeira metade con 5-1 no marcador.

No segundo tempo a maquinaría ourensanista non afroxou o ritmo, conseguindo outros seis goles que deixaron o marcador no escandaloso 11-1 final, e eso que o árbitro anulou outro gol aos vermellos. Polo Ourense marcaron Carballeda (5), Cortes (3), Wilson Jones, Seara e Arias.

Ao final de tempada C.D.Ourense conquistou un novo título de liga (con 91 goles a favor), aínda que foi afastado do ascenso polo Xerez C.D., e o Coruxo finalizou no penúltimo posto, descendendo á Serie A. 

3ª.- CDOU, 10 – Arenal, 0 (tempada 57-58)

Os anos 50 e 60, épocas douradas do noso club, foron pródigas en goleadas de escándalo. O terceiro posto no escalofón foi o 10-0 endosado ao Club Arenal de Santiago o 9 de marzo de 1958, na xornada 25 do campionato de 3ª división. Ourense e Turista loitaban polo primeiro posto, que finalmente se levarían os vigueses, cando se achegou ata O Couto o Club Arenal de Santiago, colista da categoría.

Os locais non tiveron problemas para golear aos santiagueses e continuar na loita co Turista. Nun partido de cor vermella golearon Zurría (3), Ajuria (3), Malet (2) e Miluco (2).

Finalmente o Ourense acabaría en segunda posición, o que lle deu dereito a xogar a promoción de ascenso. Na eliminatoria definitiva tivo como rival ao Deportivo da Coruña, xogaba a promoción dende a 2ª división, pero os ourensanistas apenas tiveron opcións permanecendo unha tempada máis na categoría de bronce.

4ª.- CDOU, 10 – Santiago, 1 (tempada 58-59)

A tempada 58-59 foi unha gran campaña para C.D.Ourense: campión de 3ª división e ascenso a División de Prata do fútbol español. Ademáis o equipo despregou un gran fútbol conseguindo goleada tras goleada. Si ao Xuvenil de Ponteareas lle cairon 12 o Santiago levou 10 noutra inspirada tarde dos vermellos.

Este partido puña fin a tempada, xogouse o 26 de abril, e estaba considerado de mero trámite, xa que ningún dos dous equipos se xogaban nada. Sen embargo o Ourense estaba moi forte, a promoción de ascenso esperaba e o equipo amosábese preparado para afrontala con garantías. Este partido así o demostrou. Ao final volta de honra dos xogadores locais polo título acadado coa algarabía conseguinte nas gradas do Couto.

O Santiago conseguiu empatar o partido (1-1), pero despois caiu totalmente rendido ao vendaval ofensivo local. Meliá (4), Malet (3), Urquizu (2) e Ferradás foron os goleadores locais. 

5º.- CDOU, 9 – Alondras, 0 (tempada  68-69)

Para pechar estas espectaculares goleadas chegamos ao 16 de febreiro de 1969. O Ourense comandaba a clasificación do grupo I de 3ª división, integrado por clubes galegos e asturianos, e recibia ao Alondras na xornada 23 (no comezo da segunda volta). Os do Morrazo loitaban por non descender, obxectivo que lograrían, pero no Couto sufriron unha goleada que non esperaban a pesares da diferencia entre os dous equipos.

Aos vermellos saíulle un partido casi perfecto e non tiveron piedade dos cangueses. Pataco en catro ocasións (excepional partido o seu), Túnez e Carballeda, en dúas ocasiones cada un, e Rubio en propia porta foron os goleadores dun partido pletórico dos locais.

Ao final da tempada o Ourense volveu a conquistar a liga e desta vez si logrou o ascenso á 2ª división, algo que se lle negara ao fenomenal equipo dos 30 partidos 30 victorias da tempada anterior, ao superar ao Bilbao Ath.

2 comentarios:

  1. Boas! e goleadas actuais no Couto?

    ResponderEliminar
  2. Ola. Pois nas últimas tempadas as goleadas non chegan ao nivel dos anos 50 ou 60. Nos últimos anos en 3ª división houbo varias como un Ourense, 6 - Pontevedra B, 1 (2010-11) e na 2009-10 temos as seguintes: Ourense, 6 - Culturasl Areas, 0; Ourense, 6 - Verín, 2 e Ourense, 6 - Somozas, 0
    Saúdos.

    ResponderEliminar