Páginas

31 jul 2013

Análise do C.D.Ourense, 1 – Sp. Braga B, 2

Foto La Región


Victoria do equipo portugués de Segunda división no partido de presentación de C.D.Ourense no Couto ante os seus afeccionados. Xogaron as cinco novas fichaxes e Luisito probou dous debuxos tácticos. O partido foi xogado a un ritmo máis ben lento e resultou bastante igualado. Os goles dos visitantes chegaron tras dous erros defensivos (mal despexe de Moisés no primeiro e pase de Campillo a un contrario no segundo), mentras que o gol de Iker Alegre foi logrado tras unha boa combinación do equipo que serviu para acurtar distancias e animar o tramo final do encontro.

GOLES: 0-1 (26`) Grunt; 0-2 (61`) Kappel; 1-2 (71`) Iker Alegre

PRIMEIRO TEMPO

O once inicial disposto por Luisito incluía catro das cinco fichaxes, tan sólo Iker Alegre quedou no banco. A disposición táctica inicial foi un 4-3-3. Pato ocupou a portería. A líña defensiva estivo formada por Juan Martínez no lateral dereito, a nova fichaxe Moisés e Portela como parella de centrais e Pinillos (outro dos novos) no lateral esquerdo. Yebra actuou como pivote defensivo con Adrián Cruz e Álex de interiores. Polas bandas xogaron Javi Hernández (outro dos novos) pola dereita e Xaime Noguerol pola esquerda. A punta de lanza foi Óscar Martínez.

Neste primeiro tempo C.D.Ourense apenas se aproximou á portería defendida por Cavadas. Só Óscar Martínez e Javi Hernández tiveron dúas ocasións de gol, pero en ambas xogadas cruzaron demasiado o balón. Os vermellos estiveron ben plantados no terreo de xogo, chegando o perigo dos visitantes en xogadas pola banda esquerda da defensa ourensanista, onde Pinillos foi desbordado en varias ocasións polo extremo dereito Erivaldo, un pesadelo para o defensor rioxano.

O peor deste primeiro tempo foi que os medios nunca conectaron cos dianteiros, creando moi pouco perigo ante o porteiro portugués. Adrián Cruz intentouno pero tanto Xaime Noguerol como Javi Hernández non estiveron afortunados na posición de extremos. Son mediapuntas con tendencia a irse cara o centro e apenas desbordaron a defensa “minhota”, polo que Óscar Martínez estivo moi desasistido. Ademáis ningún dos interiores, nin os laterais, se sumaron ao ataque polo que os efectivos atacantes sempre foron superados pola defensa visitante. 

SEGUNDO TEMPO

O segundo tempo comezou cos trocos de Iker Alegre por Xaime Noguerol, Adil por Álex, Campillo por Moisés e Borja Valle por Óscar Martínez, malia que se mantivo o 4-3-3. Sen embargo a presencia de Iker Alegre (máis rápido, vertical e dinámico que Noguerol) e de Adil (batallador, loitador e omnipresente) déronlle outro aire ao equipo. A pesares diso, un erro de Campillo ao ceder o balón a Manu Táboas propiciou o segundo gol do Sporting de Braga B.

Entón chegaron os mellores momentos dos locais. Entre o cambio de debuxo de Luisito, pasando a un 4-2-3-1, a entrada de Rubén Arce e os trocos no equipo visitante, C.D.Ourense comezou a crear perigo conseguindo acurtar distancias no marcador, gracias a un bo gol de Iker Alegre. O Ourense xa presionaba máis arriba. Un roubo de balón propiciou un rápido ataque no que participaron Rubén Arce, Javi Hernández e que finalizou Iker Alegre.

O equipo con Adrián Cruz ao timón, Adil ao seu carón pelexando e roubando canto balón pasaba preto del, Rubén Arce e Iker Alegre rompendo polas bandas como auténticos extremos (algo que nunca fixeron Javi Hernández e Xaime Noguerol) e con Javi Hernández na media punta (onde pareceu atoparse moito mellor que na banda) trocaron a cara dos vermellos, que incluso acariciaron o empate.

Os continuos trocos na parte final do partido acabaron co ritmo do mesmo. Aínda puidemos ver como Toni e Karim non desentonaron para nada, facendo un bo papel nos minutos que estiveron sobre o descoidado terreo de xogo.

A nosa conclusión e que o equipo foi mellor co 4-2-3-1 con auténticos extremos sobre o campo e cun loitador Adil pelexando no medio. Supoñemos que tamén axudaron os cambios no Sporting Braga B, que descompesaron ao equipo. Pero ese foi o Ourense que queremos ver na liga.

OS XOGADORES

Foto: Faro de Vigo - Jesús Regal

PATO (7): Fixo un par de intervencións de moito mérito na primeira metade e sempre se mostrou seguro. Contamos con porteiro de garantías.
MANU TÁBOAS (6): Tamén se mostrou moi seguro na segunda metade, ainda que os portugueses chegaron menos, facendo unha moi boa parada na recta final do encontro. Hai recambio de garantias na porta vermella.
JUAN MARTÍNEZ (5): O todoterreo ouresanista cumpliu no lateral dereito, faltoulle subir máis, pero tiña perigosos rivais enfronte.
MOISÉS (6): A pesares dun erro no despexe que ocasionou o primeiro gol dos visitantes, ao caerlle o balón ao polaco Grunt, que asinou un golazo, estivo sempre moi ben colocado e chegou con rapidez ao cruce.
PORTELA (6): Bo partido tamén do central ourensá. Penso que o Portela de antes da lesión xa está de volta. Xunto a Moisés pode formar unha parella excepcional.
PINILLOS (4): Non foi o debut soñado do lateral esquerdo rioxano. Erivaldo gañoulle a partida e fixo moito dano pola súa banda. Ten que mellorar.
YEBRA (5): Cumpliu no seu papel de pivote defensivo. Quizais brilla máis con outro xogador ao seu carón facendo o traballo sucio, algo que non tivo ante o Sporting de Braga.
ÁLEX (5): Tamén cumpliu no seu papel de interior. Faltoulle algo máis de ímpetu para irse máis ao ataque e axudar aos seus compañeiros da dianteira.
ADRIÁN CRUZ (6): Sempre buscou o balón e intentou organizar o xogo do equipo. Faltoulle algo máis de precisión en algunha ocasión, pero deixou boa impresión. Pode ser unha peza importante no medio do campo.
JAVI HERNÁNDEZ (4): Na posición de extremo dereito estivo bastante perdido. Non se mostrou rápido e nunca desbordou pola súa banda. Na segunda metade xogou de media punta e ahí parece que se atopa mellor. Tivo un bo momento no gol de Iker Alegre, deixándoo só diante do porteiro.
XAIME NOGUEROL (4): Xogou de extremo esquerdo e estivo bastante espeso. Intentouno pero no lle saiu ben case nada. Seguro que no que resta de pretempada irá a máis, e pronto chegará o Noguerol desequilibrante que coñecemos.
ÓSCAR MARTÍNEZ (5): Pelexou como acostuma e tivo dúas boas ocasións que non materializou. Estivo demasiado desasistido sendo superado na maioria das ocasións pola defensa rival.
JOSU (5): Entrou na segunda metade e cumpliu coma sempre. Viña de estar algo tocado, polo que non se lle pode esixir demasiado.
CAMPILLO (4): Un erro seu propiciou o segundo gol visitante. Unha mágoa. O resto do partido cumpliu, ainda que lle vimos algo falto de velocidade. Cousas da pretempada.
ADIL (6): Bregador e loitador como sempre. Incordia ao rival e rouba moitos balóns. Fixo algunha boa xogada malia que necesita asegurar máis o pase. Coa súa actitude levanta ao equipo e á grada.
RUBÉN ARCE (6): Rápido e loitador no extremo dereito. Xunto con Iker Alegre creáronlle moitos problemas á defensa visitante. Das súas botas partiu a xogada do gol.
IKER ALEGRE (7): Para min o mellor. Conseguiu desbordar pola banda esquerda  anotando un bonito gol. Cando recibia o balón o perigo palpábase, sempre encaraba amosándose incisivo e rápido. Grata impresión.
BORJA VALLE (5): Intentouno na posición de dianteiro centro, pero non é onde mellor rinde. Esperamos velo desbordar pola banda.
TONI (5): Sustituiu a Adrián Cruz como eixe do equipo e non desentonou. Non se compricou buscando sempre asegurar o pase.
KARIM (5): Amosou moita mobilidade na media punta. Pode ser unha das grandes sorpresas da pretempada. Esperamos velo máis.

1 comentario: