Páginas

10 sept 2013

Club Deportivo Ourense, unha paixón nada hai 61 anos

Tal día coma hoxe de 1952 nacía Club Deportivo Ourense, e con él unha paixón que nos acompaña dende hai 61 anos. Milleiros e milleiros de ourensáns compartiron, comparten e, espero que por moitos anos, compartirán unha paixón que pasa de xeración en xeración. Así comezou todo.


No verán de 1952 a Unión Deportiva Orensana desaparecía do panorama futbolístico ourensán e nacional. Puña fin a súa curta, pero exitosa traxectoria, debido a problemas económicos. Nesta última tempada o club militaba na 2ª división, aínda que descenderá, chegando a xogar a final da Copa Federación, caendo derrotada no estadio Metropolitano de Madrid ante o Real Xaén por 3-1.

O caso é que Ourense volvía a quedar orfa de fútbol a nivel de categoría nacional. Nembargantes a afección ourensá non quería perder un dos poucos entreteñementos que había naquela época e deseguido comezáronse  a buscar solucións para encher o vacío deixado pola Unión Deportiva Orensana.

Existían dúas solucións: resucitar ao Atlético de Ourense, un club que militara nas últimas tempadas na Serie A con non moi bos resultados e que nese momento estaba abandonado, carecía de directiva e tiña bastantes problemas económicos. Esta opción non era ben vista por moitos afeccionados que se opoñían a elo debido a que non o consideraban representativo da cidade e que, para selo, tería que empezar por trocar o nome; ou ben crear un novo club. Sea como fóra Ourense tería que empezar dende a Serie A.


Finalmente un grupo de xoves afeccionados decidiuse a crear un novo club co nome de Club Deportivo Orense, sendo a súa data de inscripción o 10 de setembro de 1952. Este grupo de siareiros deixou moi claro nun comunicado enviado á prensa o que querían que fora este novo club:

“Esta Xunta Directiva formada por elementos xoves e entusiastas do deporte, proponse co impulso da súa xuventude, dar ao deporte nacional en Orense, a deportividade que necesita, limándoa das asperezas que ata a data apartaban a unha gran masa de afeccionados das lides deportivas, sendo a súa máxima aspiración a de formar un club, ao que teñan acceso todos os ourensáns de boa vontade e de todas as clases sociais, aspirando a que o novo Club Deportivo Orense, sexa o de tódolos  ourensáns”.

A primeira Xunta Directiva quedou constituída da seguinte maneira:

Presidente: Jesús Díaz Varela; Vicepresidente: José Luís Díaz Varela; Secretario: Antonio Rodríguez Puga; Contador-tesoureiro: Antonio Reverter Fernández; Vogais: Manuel Fernández Barge e Fidel Quintas. Posteriormente fóronse unindo máis persoas a esta primeira directiva.

Os seus membros comezaron a traballar de forma frenética. Tiñan que por en marcha un club a partires da nada. Os dous primeiros pasos foron abrir a inscripción de socios e comezar a formar un equipo que fora competitivo para conseguir o ascenso a 3ª división, obxectivo claro para esta primeira tempada.

A afección comeza a respaldar ao novo club, a pesar de comezar nunha categoría moi frouxa, mais tendo en conta que viña de paladear fútbol de 2ª división, e o día 20 de setembro xa conta cuns 200 socios. E o cadro de xogadores fórmase con futbolistas ourensáns, que xa militaran na extinta Orensana, e outros procedentes do fútbol modesto da capital e da provincia. O adestrador elexido foi Gallart, derradeiro adestrador da Orensana, e que se afincara na cidade. O tempo apremiaba xa que en outubro o club comezaría a súa participación no Campeonato Gallego de Aficionados, que se disputaba en formato de Copa a dobre partido, e finalizado iste iniciaba a súa participación na Serie A, a cuxo inicio xa tería que chegar o equipo formado e ensamblado para acadar o ascenso.

Para ir quentando motores a directiva decide organizar un partido de presentación do novo club a afección ourensá. A data elixida é o 1 de outubro, mércores, pero festivo pola tarde ao ser a festa do Caudillo. O rival elexido é o Santiago, club que milita en 3ª división. Club Deportivo Orense xoga e gaña, 2-1, o primeiro partido da súa historia. Segundo as crónicas non foi un partido de gran calidade, pero os vermellos demostraron boas maneiras, deixando un bo sabor de boca á afección que mediaba o estadio do Couto.

A primeira alineación de Club Deportivo Orense foi a seguinte:

Suárez (David), Queco, Chicho, Alfonso, Manolé (Nando), Madriles, Manjarín (Iglesias), Marcial, Paulino, Mena y Galiña.

Os goles foron obra de Marcial e Paulino.

Así iniciaba a súa andaina futbolística Club Deportivo Ourense, club que tantas alegrías nos deu, e que esperemos nos siga dando nun futuro próximo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario