Páginas

13 ago 2013

Apuntes da Copa da Real Federación Española de Fútbol


C.D.Ourense campión en 2008 - Foto La Región


C.D.Ourense resultou exento na primeira eliminatoria da Copa Federación. Entrará na competición disputando as semifinais contra o vencedor da eliminatoria entre Alondras e Rápido de Bouzas, os vigueses son os vixentes campións. Tan só seis clubes se animaron a disputar esta competición na fase autonómica despois de renunciar Coruxo, Celta B, Deportivo B, As Pontes e Órdenes. Ademáis dos citados anteriormente Negreira, Compostela e Pontevedra completan o sexteto de participantes. A outra semifinal disputarana o Pontevedra e o gañador da eliminatoria entre Negreira e Compostela. Este é o cadro da fase autonómica:

Cuartos de final (22 e 29 de agosto)

(A)   Alondras – Rápido de Bouzas

     (B)   Negreira – Compostela

Semifinais (19 e 26 de setembro)

     (C)   Vencedor A – C.D.Ourense

(D)   Vencedor B - Pontevedra

Final (10 de outubro) nun campo por determinar

Como vemos estamos ante unha competición que pasa con máis pena que gloria entre os equipos de Segunda B e Terceira división, clubes participantes na mesma, e mesmo tamén entre os afeccionados. Unha competición que C.D.Ourense conquistou na tempada 2007-08 ao derrotar ao Reus Deportivo por un global de 3-2 (2-1 no Couto en 1-1 en terras catalanas). Un título que pasou a un segundo plano debido ao descenso do clube á Terceira división.

A Copa Federación xógase en dúas fases: unha primeira autonómica e unha segunda nacional. Na fase autonómica están invitados a participar (non é obrigatorio) os clubes que militaran en Segunda B e en Terceira división a tempada anterior, no número que determine a respectiva Federación autonómica, excluíndo sempre aos clubes que participen na Copa do Rei. No caso de Galicia foron invitados a participar os dous de Segunda B (Coruxo e Ourense) e os clasificados nos postos segundo a sétimo de 3ª división (Celta B, Compostela, Deportivo B, Pontevedra, As Pontes e Órdenes).

Os campións das fases autonómicas, máis os 18 clubes eliminados na ronda previa da Copa do Rei e o Sant Andreu, vixente campión, disputarán a fase nacional da Copa Federación. Como incentivos aos clubes para que participen nesta competición establécense unha serie de premios en metálico. Os vencedores da fase autonómica recibirán 3.005 euros, os semifinalistas da fase nacional 12.020 cada un, o subcampión 30.051 e o campión 90.152 euros. Ademáis a Federación Española subvencionará parte dos viaxes dos clubes participantes na fase nacional, así como os arbitraxes na súa totalidade.
Polo que respecta á historia desta competición, podémola dividir en dúas fases. A primeira comezou a disputarse en 1945, cun parón do 48 ao 50, reanudándose en 1951 para rematar finalmente a competición coa edición de 1953. Nesa primeira época a final disputábase a un partido nun campo neutral. Precisamente en 1952 a U.D.Orensana foi finalista. Caeu ante o Real Jaén por 3-1 no estadio Metropolitano de Madrid. Foi o derradeiro partido oficial do club. Esa tempada descendeu a 3ª división e desapareceu. Inscribirón o seu nome no palmarés desta competición a U.D.San Martín (1945), Alavés (1946), Málaga (1947), Cordoba (1951), Jaén (1952) e Valladolid (1953).

A segunda época desta competición iniciouse en 1994, disputándose sen interrupción ata o momento. Nesta segunda xeira, a final xa é a doble partido. Os campións foron os seguintes: Puertollano Industrial (1994), Las Palmas B (1995), Mallorca B (1996), Burgos (1997), Binéfar (1998), Rácing de Santander B (1999), Sabadell (2000), Marino de Luanco (2001), Celta B (2002), Avilés (2003), Badalona (2004), Mataró (2005), U.D. Puertollano (2006), Pontevedra (2007), C.D. Ourense (2008), Jaén (2009), San Roque de Lepe (2010), C.D. Puertollano(2011), Binissalem (2012) e Sant Andreu (2013).

Esta pode ser unha competición interesante para ir fogueando e mantendo activos aos xogadores menos habituais na liga e para levarse unha recompensa económica se se acadan as semifinais. Pero tamén pode ser unha competición ruinosa para os equipos que queden eliminados antes das semifinais. Se a Federación quere que esta competición teña máis interese entre clubes e afeccionados debería de dotala de maiores recompensas económicas, e tamén repartilas entre máis clubes, para evitar que unha pronta eliminación lle supoña pérdidas económicas a clubes que non teñen precisamente unha economía poderosa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario