Páginas

26 ago 2013

Sufrida victoria de C.D.Ourense ante un bo Compostela


Foto: Vavel

Comezou a liga en Segunda B cun partido de rivalidade que se decantou de parte de Club Deportivo Ourense por 1-0 (Iker Alegre, 21’) nun partido moi intenso e pelexado sobre un terreo de xogo infame. Preto de 2.000 persoas presenciaron o partido con una ruidosa presenza de afeccionados santiagueses que non pararon de animar ao seu equipo.

O COMEZO

Luisito alineou de saída a Pato na portería; Josu, Moisés (recuperado das súas molestias), Portela e Pinillos na defensa; Borja Yebra como pivote defensivo; Iker Alegre, Adil, Javi Hérnandez e Xaime Noguerol por diante e con Óscar Martínez en punta. Finalmente Josu e Moisés puideron xogar en defensa, e nas bandas apostou por Iker Alegre pola dereita e Noguerol pola esquerda, deixando a Javi Hernández como medio máis ofensivo ao carón de Adil.  

Pola súa banda Fredi dispuxo un once composto por Adrián en portería; Jesús Varela, Castiñeiras, Santi Taboada e Jimmy na defensa; Jordan, Gonzalo, Manu Rodríguez e Óscar Fondevila na medular e Joselu acompañado por Nacho na dianteira. Fredi deixou a Germán no banco (acaba de saír dunha lesión) e apostou polo medio Taboada como central. Con Yahvé renqueante no banco e Diego Rey lesionado apostou por Óscar Fondevila na esquerda e decidiu xogar con dous homes en punta: Joselu e Nacho Fernández.

Comezou impoñendo o seu ritmo o Compostela. Os seus dous mediocentros (Gonzalo e Manu Rodríguez) gañábanlle a partida os ourensanistas e Jordan creaba perigo pola banda dereita. A boa nova para os ourensanistas e que Joselu estaba ben controlado polos centrais locais e a banda esquerda dos branquiazuis apenas entraba en xogo.

LUISITO INTERVÉN

Os vermellos tiñan moi pouco o balón e Luisito non tardou en reaccionar, tan só 15 minutos para trocar o sistema táctico. Pasa a un 4-2-3-1 con Borja Yebra e Adil como mediocentros. Sitúa a Javi Hernández na banda dereita, a Iker Alegre na esquerda e a Xaime Noguerol na mediapunta con liberdade de movementos. Un troco que deseguido deu os seus froitos.

Seis minutos despois chega o gol de C.D.Ourense que ao final valeron os tres puntos. Xogada pola banda dereita entre Josu, Adil e Javi Hernández que finaliza cun perigoso centro do xogador salmantino que non conseguen rematar Óscar Martínez e Noguerol, caíndolle o balón a Iker Alegre que resolve ante a saída de Adrián. A primeira boa combinación dos vermellos acabou en gol.

Co Ourense máis asentado a piques está de chegar o segundo gol despois doutro gran centro de Javi Hernández que Óscar Martínez rematou alto por moi pouco.

SEGUNDO TEMPO, O COMPOS A POR TODAS

O Compostela necesitaba algo máis se quería puntuar no Couto. Fredi moveu o banco nos primeiros minutos do segundo tempo coa entrada de Yahvé por Nacho e de Peláez por Óscar Fondevila. O Compos parécese máis ao que logrou o ascenso adoptando un 4-2-3-1 con Peláez na mediapunta e Yahvé na banda esquerda. Os visitantes pasan a dominar o encontro perdendo o Ourense o control do partido. Agora o perigo do Compos chega polas dúas bandas coa incorporación de Yahvé, e Peláez participa máis no xogo que Nacho. Sen embargo a defensa vermella manten en pé ao equipo sen dar opciones de remate aos dianteiros santiagueses, en especial a Joselu.

LUISITO VOLVE A MOVER FICHA

O encontro estaba totalmente inclinado do lado visitante. Para tentar nivelar o partido Luisito realiza un novo troco táctico coa entrada de Juan Martínez ao terreo de xogo no minuto 67 ao sustituir a Javi Hernández. O recén entrado sitúase como pivote defensivo por detrás de Adil e Yebra. Iker Alegre volve a banda dereita e Borja Valle, que entrara facía uns intres por Noguerol, pasa a banda esquerda. Un 4-3-3 que buscaba nivelar o partido na zona ancha e lanzar balóns largos sobre Óscar Martínez para intentar sorprender nunha contra e sentenciar o partido cun Compostela cada vez máis volcado sobre á area local.

Os vermellos evitaron que os branquiazuis crearan ocasións claras de gol, agás un remate ao longueiro de Gonzalo tras botar unha falta, e a piques estiveron de sorprender nalgunha contra a Adrián, sobre todo nun gran centro de Rubén Arce (entrou por Iker Alegre na recta final do encontro) ao que non chegaron por moi pouco nin Óscar Martínez nin Borja Valle.

CONCLUSIÓN

Importante triunfo do Ourense ante un bo Compostela ao que lle faltou concretar en ocasións de gol o seu dominio dos primeiros 15 minutos e do segundo tempo. O Ourense, máis verde físicamente, tivo menos o balón pero creou ocasións máis claras que o Compos. Buscou un fútbol máis directo debido ao lamentable estado do campo e mantívose firme en defensa cun gran desgaste de tódolos seus xogadores.

Tanto compostelanistas coma ourensanistas pódense sentirse contentos co traballo dos dous equipos e ollar con optimismo esta tempada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario