Páginas

16 ago 2013

Copa Federación de 1952: a derradeira xesta da U.D.Orensana



Aproveitando o sorteo da Copa Federación realizado esta semana imos lembrar a derradeira fazaña da extinta Unión Deportiva Orensana. Ao final da tempada 1951-52, a popular Orensana consumara o seu descenso a 3ª división despois de tres tempadas na categoría de prata do fútbol español. Á crise deportiva sumábase unha galopante crise económica e social. A pesares de todo, o clube dispúxose a participar na Copa Federación.

Esta era unha competición voluntaria na que podían participar os equipos de 2ª división, non inmersos en ningunha fase de promoción, e os campións e subcampións de 3ª división. A Orensana comezou a súa andadura nos octavos de final. Correspondeulle o Círculo Popular da Felguera, equipo asturiano subcampión do grupo 1º de 3ª división, pasando á seguinte ronda sen problemas. Na ida venceu no Couto a Orensana por 4-1 e na volta volveu a gañar por 1-2.

En cuartos de final a Orensana enfrontouse ao Burgos, tamén de 3ª división. No partido de ida disputado no Couto os ourensáns perderon a oportunidade de deixar sentenciada a eliminatoria. Dominaron claramente o partido e chegaron a ter unha vantaxe de dous goles. Sen embargo, o infortunio cebouse cos locais que xogaron case todo o segundo tempo con só nove xogadores. Perderon ao defensa Mantido por lesión (non estaban permitidos os trocos) e sufriron a expulsión do porteiro Pardiñas. Aínda así remataron dominando o partido e errando, incluso, un penalti preto do final do partido. Rematou o encontro con 2-0 para a Orensana.

A volta presumíase complicada en terras burgalesas. O partido foi moi duro, xogando os unionistas sen arrugarse en ningún momento. Ao descanso, a Orensa foise con vantaxe no marcador, ao transformar Manjarín un penalti. O segundo tempo foi de continuo acoso local, xurdindo a figura do porteiro Suárez, un chaval da canteira que realizou un gran partido salvando o empate en varias ocasións, a derradeira no desconto. A Unión Deportiva Orensana xa estaba en semifinais.

O cruce depara ao Tortosa catalán, tamén de 3ª división, pero que estaba realizando un gran torneo eliminando a dous equipos de 2ª división, Mallorca e Osasuna. Novamente a ida xogábase no Couto. Os ourensáns buscaban obter un resultado amplo que lles permita ir con certa tranquilidade a terras catalás. O equipo catalán tivo unha viaxe complicada e non chegaron a Ourense ata as dúas e media da madrugada, debido a unha avaría no autobús.

O partido resultou tal e como se desexaba. A Orensana venceu por 5-1 e deixou prácticamente sentenciada a eliminatoria. Os locais realizaron un primoroso primeiro tempo chegando ao descanso con 4-0 ao seu favor. A segunda parte estivo máis igualada, debido sobre todo á lesión de Carriega, o que deixaba aos ourensáns cun xogador menos. Destacaron neste partido o dianteiro Rubio que marcou catro goles e, novamente, o xove porteiro Suárez.

A volta foi un trámite que se saldou cunha derrota por 2-0. O ambiente nas gradas e no terreo de xogo foi moi hostil, cun público moi chillón contra os unionistas e cos xogadores locais empregándose con notable dureza. Acabou lesionado o porteiro Suárez e expulsado Manolé, xunto co xogador local Fontanet.

A pesares de todas as dificultades e cos xogadores sen cobrar gran parte dos seus emolumentos, a Unión Deportiva Orensana conseguiu clasificarse para a final dun torneo oficial a nivel estatal. A final disputaríase no estadio Metropolitano de Madrid ante o Real Xaén, equipo que acababa de acadar o ascenso a 2ª división e que deixara na cuneta a Salamanca, Hércules e Murcia.

A Unión Deportiva Orensana concentrouse no Escorial para preparar a final. Unha final que se comezou a perder a nivel de ambiente. Mentras que na capital andaluza a afección estaba a tope co equipo, anunciándose numerosas excursións en autobús a Madrid e, incluso, un tren especial para a final, en Ourense non se moveu ninguén. A decepción polo descenso, os problemas de viabilidade do club e que na cidade se estaba a disputar o Trofeo do Corpus entre os equipos do Celta, Deportivo da Coruña e Sevilla, foron factores que provocaron o desentendemento da afección ourensá.

A final foi de cor andaluz. Ao remate do primeiro tempo xa gañaban por 2-1. Adiantáronse moi pronto os xiennenses, aos catro minutos cun gol de Cabrera. Empatou a Orensana por mediación de Rubio, pero poucos minutos despois Uceda volvía a adiantar ao seu equipo. No segundo tempo o Xaén controlou o partido, conseguindo outro gol que se lles deu o triunfo por 3-1. A superioridade dos andaluces, reflectida nas gradas, foi incuestionable.

Este foi o epílogo dun club, a Unión Deportiva Orensana, que tivo unha corta pero rica historia, que se perdeu debido á nefasta xestión duns cantos e á indiferencia da maioría.

FICHA TÉCNICA DA FINAL

Día 15 de xuño de 1952. Estadio Metropolitano de Madrid. Media entrada.

Alineacións:

Xaén: García Ojeda; Carrillo, José Luís, Núñez; Mugarra, Areda; Mangui, Luqui, Cabrera, Uceda y Uncilla.

Orensana: Suárez; Pío, Ernesto, Rodolfo; Manolé, Juan Francisco; Manjarín, Ortíz, Rubio, Ríos y Masós.

Goles:

1-0 (4´): Cabrera
1-1 (19´): Rubio
2-1 (25´): Uceda
3-1 (59´): Ucilla

No hay comentarios:

Publicar un comentario