Páginas

29 ago 2013

De Turista Sport Club a Celta B



Como lle ocurre a moitos filiais, agora enguilidos pola estructura do club nodriza, o Celta B e o herdeiro da rica historia dun club que perdeu a súa identidade para convertirse no viveiro de xogadores do club principal. Unha mágoa. Pero este é o fútbol moderno que padecemos, o das SAD, o dos empresarios que se achegan a este mundo para obter o seu propio beneficio ou o dos magnates rusos, árabes ou de calquera outra nacionalidade que mercan un xoguete novo fartos de brincar con outros.

Voltando ao caso do Celta B, dicir que o filial celeste aséntase sobre as cinzas do histórico Turista da parroquía viguesa de Lavadores, parroquia que foi concello independente ata 1941 cuando foi absorbido pola dinámica e crecente cidade de Vigo.

O Turista Sport Club fundouse no ano 1927, só catro anos antes nacera na veciña Vigo o Real Club Celta despois da fusión entre o Vigo Sporting e o Fortuna. O Turista naceu dunha escisión do Gran Peña, club tamén de Lavadores, que fora fundado un ano antes e que arestora milita en Primera Autonómica.

Como se pode supoñer a rivalidade entre os dous clubs de Lavadores era brutal. Os derbis vivíanse con gran pasión, dividindo Lavadores en dous bandos. Fútbol en estado puro.

O Turista Sport Club, obrigado en 1941 a trocar o seu nome polo de Club Deportivo Turista polo goberno franquista, que non quería estranxeirismos nos nomes dos clubs, viviu a súa etapa dourada na década dos 50 e 60, onde mantivo unha forte rivalidade con Club Deportivo Ourense.  Na tempada 57-58 foi campión do grupo I de 3ª división e xogou varias promocións de ascenso a 2ª división. 

Evolución do uniforme do Turista

A mediados dos 60 o seu gran rival, o Gran Peña, atravesa graves problemas económicos. Para solventalos intenta unha fusión co Turista. A proposta non sae adiante ao ser rexeitada polos socios do Turista. Unha decisión que terá consecuencias no futuro. Finalmente o Gran Peña pasa a ser filial do Celta a partires de 1971 para poder sobrevivir.

Mentras tanto o Turista segue o seu camiño militando entre a Rexional Preferente e a 3ª división. Co paso dos anos os problemas económicos comezan a agobiar ao club, que decide, auspiciado polo concello de Vigo, iniciar un proceso de fusión co Gran Peña. Desta vez son os socios granpeñistas os que lle devolven a moeda e rexeitan a fusión. Unha decisión que acarrea graves problemas aos dous equipos. O Gran Peña é expulsado do campo de Barreiro, agora de propiedade municipal, e o Turista segue cos seus problemas económicos. En 1988 o Gran Peña deixa de ser filial do Celta, recuperando a súa total independencia, pasando a ser novo filial celtiña un Turista agobiado polas débedas. O novo status do Turista levao a trocar o seu nome polo de Celta Turista. Era o principio do fin do histórico club de Lavadores.

No verán de 1995 chega a disolución do Turista. A Lei do Deporte, a que crea as SAD, obriga a que os filiais se integren na estrutura do club principal, desparecendo como entidade propia. Así a partires da tempada 1995-96 o Celta Turista convértese no Celta B. Tristemente ponse fin a 68 anos de historia. O Turista foi unha vítima máis do fútbol moderno.

No hay comentarios:

Publicar un comentario