Páginas

6 ago 2013

O Couto, o primeiro campo de fútbol que visitou Cruyff tras asinar polo Barcelona


Johan Cruyff, un dos mellores xogadores da historia do fútbol, asinou polo equipo catalán en agosto de 1973. Foi unha fichaxe cun enorme impacto mediático, xa que o holandés era o mellor xogador daquelas datas, líder dun Ajax de Amsterdam que dominaba o fútbol europeo.

Sen embargo non puido debutar en partido oficial ata o 28 de outubro, na oitava xornada de liga, debido a que a Federación Holandesa non o autorizaba posto que argumentaba que xa estaba pechado o mercado de fichaxes cando asinou polo Barcelona. Aínda así, o seu debut chegou antes do esperado, xa que ata o 2 de decembro non estaba previsto que a Federación Holandesa dera o transfer correspondente.

Xa que non podía disputar partidos oficiais, Johan Cruyff xogaba algún que outro amigable na Cidade Condal, onde aos siareios barcelonistas facíaselles a boca auga co xogo do astro holandés, lamentando que non puidera xogar na Liga, onde os cataláns comezaron muy mal o campionato. En total foron tres os amigables que xogou Cruyff no Camp Nou.

Por outra banda C.D.Ourense e F.C.Barcelona chegaron a un acordo para o traspaso de xogador bermello Manolo Tomé á entidade azulgrana. Tomé era un dos mellores xogadores dun Ourense que militaba na Segunda división, tras acadar o ascenso a tempada anterior. Fálase de entre 9 e 12 millóns de pesetas como prezo do traspaso, a cesión de dous xogadores (a elexir entre Olmo, Teixidó e Pousada) e un partido amigable a disputar no estadio do Couto (a recadación de dito partido descontaríase do montante da operación).

Aproveitando o parón na Liga, por mor de xogarse partidos de clasificación para o Mundial de Alemaña 74, o Barcelona achegouse a Ourense para disputar o partido o 20 de outubro de 1973. Viñeron todas as figuras do equipo azulgrana, Cruyff incluido, a excepción dos internacionais (Costas, Juan Carlos, Gallego e Asensi).


O partido do Couto sería o primeiro que Johan Cruyff disputaría como azulgrana lonxe do Camp Nou. Todo un acontecemento para a nosa cidade. Sen embargo, o que estaba concebido como unha festa acabou de xeito pouco afortunado. Os altos prezos das entradas (600 pesetas en Tribuna, 450 Preferencia e 250 en Grada de Fondo e Marcador para o público xeral, e 250, 175 e 100 respectivamente para os socios) encresparon á afección ourensanista.

Debido a isto O Couto rexistrou unha boa entrada pero moi lonxe do cheo previsto. Ademáis, o espectáculo futbolístico non foi do agrado do público que acudiu ao, naquel entón, coñecido como “Estadio José Antonio”. As protestas dos asistentes desatáronse na segunda metade cando os continuos trocos nos dous equipos acabou por derramar un partido do que esperaban máis, sobre todo despois do alto prezo pagado polas entradas.

Con bronca final acabou un partido que gañou o Barcelona por 1-3, con dous goles da estrela Johan Cruyff, que disputou un moi bo partido no recinto ourensá.

Polo Barcelona xogaron: Sadurní; Rifé, Torres, Sánchez; De la Cruz, Barrios; Aicart, Martí Filosía, Cruyff, Rusky e Marcial. Tamén xogaron Capó, Juanito, Cos, Sotil, Rexach e Carreño. Polo C.D.Ourense León Lasa alineou a: Santamaría; José Luís, Mantecón, Fuertes; Tomé, Casimiro; Teixidó, Pachín, Quirós, Valdés e García. Tamén xogaron Castro, Ordax, García-Blanco, Pablo, Varela Pérez, Acedo, Pousada, Pasternak e Antonio.

Goles:

0-1   (22´) Cruyff: Fuertes perde un balón, Aicart centra e Cruyff remata a gol coa colaboración do porteiro Santamaría.
1-1   (25´) Quirós: Xogada de Pachín que remata Quirós raso e forte.
1-2   (53´) Cruyff: Erro defensivo bermello que aproveita Cruyff para facer o segundo gol.
1-3   (87´) Cos: Carreño envía un pase a Cos que dende a frontal pecha o marcador.

Contan as crónicas, concretamente a do Mundo Deportivo, que foi un dos mellores partidos de Johan Cruyff desde que está no Barcelona. Realizou meritorias xogadas que entusiasmaron aos afeccionados. Unha exhibición da que Ourense foi protagonista, aínda que acabara de forma deslucida. Unha mágoa, pero despois de todo un orguio que Johan Cruyff xogara o primeiro partido fora do Camp Nou no Couto.

A tempada finalizou de xeito positivo para os dous clubes. O Barcelona gañou a Liga, algo que se lle resistía dende facía 14 anos, e C.D.Ourense mantivo a categoría obtendo un meritorio doceavo posto.

Fonte: Club Deportivo Orense 1952-1977 de José Manuel Fernández Sobrino

No hay comentarios:

Publicar un comentario