Páginas

22 ago 2013

S.D.Compostela, un recén ascendido que busca consolidarse

Foto oficial da S.D.Compostela 2013-14 - Web oficial do club


Os santiagueses conqueriron a tempada pasada o seu segundo ascenso consecutivo, que os levou de forma meteórica de Preferente a Segunda B. Agora toca asentarse na categoría de bronce do fútbol español, para en próximas tempadas tentar volver ao fútbol profesional.

Para elo apostaron pola continuidade do proxecto. Mantense no banco o adestrador do ascenso, o moañés Fredi, e tamén a maioría dos xogadores que lograron levar ao Compos á 2ª B, incluído o seu buque insignia, o dianteiro Joselu. Para completar o cadro de xogadores ficharon nove xogadores, varios deles moi xoves pero a maioría con experiencia en Segunda B.

PORTEIROS

Permanece Adrián, meta titular a tempada pasada, e chega o xove meta Lorenzo procedente do Pontevedra.

DEFENSAS

En defensa manteñen os habituais da tempada pasada: Borja Facal no lateral dereito; Catú, Germán (ex Ourense na tempada 2010-11) e o veterano Castiñeiras como centrais e Jimmy no lateral esquerdo. Como reforzos chegaron un lateral dereito, Jesús Varela dende o Rácing de Ferrol e con ampla experiencia na Segunda B, e o central Jorge Rodríguez procedente do Avilés de 2ª B, un veterano xogador (34 anos) que militou nas filas do Ourense na tempada 2006-07.

Cadro de xogadores do Compos
MEDIOS

Mantéñense da tempada pasada os dous mediocentros titulares, Manu Rodríguez e Gonzalo. A eles sumánselle Óscar Fondevila (23 anos) procedente do Getafe B e con pasado no Coruxo e nas categorías inferiores do Celta e Santi Taboada (20 anos) mais defensivo que Fondevila e que procede do Alavés B (3ª división) a donde chegou das categorías inferiores do Real Madrid, onde foi internacional sub 16.

Nos postos de banda continúan Jordan, ex do Ourense na tempada 2010-11, e que tamén pode xogar de mediapunta ou segundo dianteiro, e o veterano Yahvé. Para reforzar estas posiciones os santiagueses ficharon a Diego Rey, xove extremo procedente do Somozas;  a Fran Pastor que chega cedido polo Real Madrid despois de xogar a tempada pasada no equipo xuvenil da División de Honra (é internacional sub 17) e a Jacobo (24 anos) procedente do Pontevedra.

DIANTEIROS

Joselu
Continúan Diego Peláez, un mediapunta de 24 anos, e o gran goleador Joselu. Un dianteiro que realizou unha gran tempada, foi o máximo goleador da categoría con 32 goles, e que é o gran perigo deste equipo. Tivo moitas e variadas ofertas para saír do Compostela este verán, pero o xogador de Palmeira decidiu continuar no proxecto compostelanista unha tempada máis. Para reforzar esta liña o Compos fichou a Nacho Fernández (27 anos) que a tempada pasada xogou no Ordes e no tramo final da mesma no Coruxo.

Como vemos hai ata tres xogadores con pasado vermello. Os ourensáns Germán e Jordan, ambos xogaron na tempada 2010-11 en C.D.Ourense, e Jorge Rodríguez que militou na 2006-07 nas filas ourensanistas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario