Páginas

24 ago 2013

Previa Ourense – Compostela: baixas e dúbidas nos dous equipos

Foto: web oficial C.D.Ourense


Vermellos e branquiazuis afrontan o primeiro partido da tempada ligueira con baixas e dúbidas nas súas alineacións. A zona defensiva é a máis afectada nos dous equipos, aínda que no Ourense tamén o medio do campo e a dianteira presentan baixas para o debú ligueiro.

O Compostela, que por certo acaba de incorporar a proba a Victor Calatrava (lateral esquerdo de 20 anos procedente do Villanovense da 3ª división extremeña), ten tres baixas en defensa: o lateral dereito Borja Facal e os centrais Jorge Rodríguez e Catú. Xa que logo o seu adestrador Fredi tan só conta con catro defensas para visitar O Couto: o lateral dereito Jesús Varela, os centrais Germán e Castiñeiras e o lateral esquerdo Jimmy. O problema e que Germán acaba de salir dunha lesión e leva moi poucos días adestrando, polo que a súa participación dende o inicio pode ser moi precipitada. Se o central ourensán non xoga Fredi tería que retrasar a algún medio á posición de central. O resto de xogadores están dispoñibles agás o medio dereito Jacobo e coa dúbida do extremo Yahvé, aínda que as últimas informacións apuntan a que xogará en Ourense.

Sen comezar a tempada é complicado aventurar o once inicial de calquera equipo. No caso do Compos é doado adiviñar que a liña defensiva estará formada por Adrián na portería; Jesús Varela no lateral dereito, Castiñeiras e Germán (ou un medio reconvertido) no centro da zaga e Jimmy no lateral esquerdo.  Máis complicado é aventurar os otros seis homes que os acompañarán. Tres parecen fixos. Nas bandas é probable que xoguen Jordan e Yahvé con Joselu como home máis adiantado. Para os outros tres postos contan os habituais da tempada pasada (Gonzalo, Manu Rodríguez como mediocentros e Peláez na media punta), aínda que Fredi podería optar por dar entrada a Óscar Fondevila ou Santi Taboada, dúas das novas fichaxes.


Pola súa banda Club Deportivo Ourense conta coas baixas dos centrais Capi e Moisés, o medio Adrián Cruz (por sanción) e o dianteiro Gustavo Souto por non ter recibido aínda o transfer. Tres das novas fichaxes fóra. Ademáis o lateral dereito Josu, o medio Álex e o mediapunta Xaime Noguerol arrastraron problemas toda a semana aínda que entraron na convocatoria.

Aventurar un once é complicado. As baixas en defensa non lle deixan moitas alternativas a Luisito. Pato na portería, con Josu ou Juan Martínez no lateral dereito, Portela e Campillo no centro da defensa e Pinillos no lateral esquerdo. Yebra e Adil teñen moitas papeletas para partir de inicio no medio do campo debido a baixa de Adrián Cruz e as molestias de Álex. Javi Hernández, ben como media punta ou pola banda dereita, e Óscar Martínez como dianteiro centro tamén parecen probables titulares. Os outros dous xogadores sairán entre Xaime Noguerol, Iker Alegre e Borja Valle.

No hay comentarios:

Publicar un comentario